© All rights reserved. GRUPOSICOM

Voces labregas

Voces labregasVoces labregasVoces labregas

No camiño da agricultura e da gandaría hai cancelas que abrir e atrancos que salvar. Mais, sexa cal for o perfil de cada quen —moza ou mozo que comeza, persoa con experiencia que quere profesionalizarse ou quen decide dar un xiro á súa vida— hai unha chave que sempre abre portas: a formación.

Para que esa formación dea froito, cómpre que se adapte ás circunstancias de cada persoa, ao seu tempo, ás súas responsabilidades e ao seu contexto. Non hai un único camiño, pero si unha certeza: O teu nivel de preparación marcará as posibilidades de éxito.

Os procesos formativos fortalecen as nosas competencias profesionais e axúdannos a traballar con máis seguridade, innovación e respecto polo medio ambiente.

Podemos falar de dous grandes tipos de formación: formal e informal.

Traballar no agro galego é unha profesión cunhas características que a fan única

Minifundio e fragmentación

Unha estrutura moi baseada na pequena explotación familiar: o tamaño medio das explotacións agrarias galegas é de arredor de 8,2 hectáreas, e máis do 63% teñen menos de 5 hectáreas. Trátase, polo tanto, dun modelo minifundista e moi fragmentado, no que predominan as explotacións pequenas e a tempo parcial.

Territorio en desuso agrario

Un territorio cada vez menos agrario: só arredor do 29% da superficie de Galiza está xestionada por persoas agricultoras; o resto corresponde a monte, terras abandonadas ou outros usos, o que reflicte o abandono progresivo das terras agrícolas nas últimas décadas.

Liderado por mulleres

Unha presenza feminina máis elevada ca na media estatal: segundo o Censo Agrario de 2020, na Galiza o 48% das explotacións estaban dirixidas por mulleres, a porcentaxe máis alta do estado e moi por riba da media estatal, situada arredor do 28,6%.

Economía secundaria, pero relevante

Un sector relevante pero minoritario na economía: a agricultura e a gandería representan aproximadamente o 3,7% do PIB de Galiza, por enriba da media do estado, pero cun peso moito menor ca noutros sectores industriais e de servizos.

Envellecemento xeracional

Un sector moi envellecido: case a metade das persoas titulares de explotacións en Galiza teñen 65 anos ou máis, unha proporción superior á media estatal, o que evidencia a falta de relevo xeracional.

Top