
Venda e distribución
Cando falamos de venda e distribución de produtos agroecolóxicos en AterraNaTerra, falamos tamén de que sexa unha ferramenta útil neste eido para as persoas labregas que queren instalarse, ou que xa están instaladas, xa que en moitas ocasións saber como e onde vender pode supoñer unha dificultade.
Este apartado concibímolo como unha ferramenta estratéxica para o fortalecemento dos circuítos curtos de comercialización e a promoción da soberanía alimentaria no noso territorio.
O obxectivo central é favorecer relacións directas entre produción e consumo. Estas relacións non só reducen custos loxísticos e a pegada de carbono, senón que tamén crean vínculos de confianza. Cando unha persoa consumidora sabe quen cultiva os alimentos que merca, o valor do produto deixa de ser puramente monetario para se converter nun apoio explícito a un xeito de vida e a unha paisaxe concreta.
Transformar o que producimos
A especialización do traballo e da economía levounos a ser meras produtoras de materias primas. A transformación das producións xera valor engadido e reduce as perdas.
A transformación ou conservación das nosas producións ofrece unha serie de vantaxe que cómpre valorar:
- Axústase mellor aos hábitos de consumo.
- Xera valor engadido ás producións.
- Reduce a estacionalidade.
- Produtos transformados son máis valorados polas consumidoras.
- Permite diversidade económica.
- Aproveita os excedentes ou producións secundarias.
- Xera innovación.
Como sempre non é ouro todo o que reloce, e se pensamos en transformar, temos que teren conta unha serie de aspectos:
- Demanda real do produto transformado (o chucrut está moi bo, pero na Galiza a penas se consume)
- Marxe do produto transformado. Ás veces a diferenza entre o custe de transformación e o prezo de venda é moi pouca.
- Compatibilidade coa loxística e distribución do resto da produción (frío para o transporte,...)
- Ás veces hai outras opcións máis asumibles que a transformación do produto (ou que unha transformación concreta).
- No caso de transformacións innovadoras cómpre facer moitas probas antes, tanto do proceso como do produto final e a súa aceptación polo mercado.
- Cumprimento da normativa sanitaria e burocracia asociada a un espazo deste tipo.
- A transformación pode formar sinerxías con outras partes/aspectos do proxecto.?
- Compensa investir en instalacións ou pagar para que transformen o meu produto?
Unha opción a ter en conta son os obradoiros compartidos, espazos cooperativos onde unha serie de produtoras comparten instalacións comúns para a transformación das súas producións. Pódese partir de cero ou aproveitar espazos xa existentes e en desuso.
A feira
Producir é tan importante como vender. Producir e non vender é tanto problema como non ter que vender.
As canles de comercialización tradicional soen ser longas e complexas, con moitos elos entre as labregas e as consumidoras. Non favorecen a interacción entre produtoras e consumidoras, homoxeneizan a cultura gastronómica, destrúen a soberanía alimentaria e invisibilizan o peso e a importancia das labregas. Non me alimentan persoas senón grandes cadeas de distribución.
As pequenas producións labregas teñen problemas para entrar nestes circuítos:
- Falta de produción.
- Non se axeitan aos estándares esixidos (tamaño, forma,...).
- Poucos prezo e marxe de beneficio.
- Lonxe e fóra das zonas de produción.
- Pouco peso na cadea: escasa ou mesmo nula capacidade de decisión sobre as condicións de produción e de venda.
Os sistemas agroecolóxicos están pensados para a comercialización directa ou en canle curta, que devolven o peso e a importancia ás produtoras, achegan a realidade da produción ás consumidoras, promoven a cooperación, son máis sostibles ambientalmente, reducen o desperdicio de alimentos e axudan a manter a saúde das persoas e do planeta.
Diferentes estratexias:
Venda directa produtora – consumidora:
- Necesítase diversidade de produción que resulte atractiva para a consumidora.
- Necesidade da existencia de espazos (feiras, mercados,...).
- Máis custe loxístico/distribución e máis perdas por mermas.
- Verificar aspectos sanitarios.
Venda na propia granxa
- Pouco estendido na Galiza pola elevada dispersión e distancia a núcleos de consumo.
- Ideal en zonas periurbanas ou momentos e lugares concretos e estacionais.
- Sen custo loxístico ou de distribución.
- Menor expectativa de prezo que noutros lugares.
- Pode interferir coa produción.
- Sinerxía con outras actividades existentes no territorio (turismo de natureza, rutas deportivas, camiños,...).
Venda por internet:
- Incremento do custe loxístico.
- Incremento do tempo de atención/actualización da tenda virtual.
- Riscos de incidencias: xestión e resolución.
- Modelo de distribución (contaminante e precario).
Tenda propia:
- Elevado cusoe para ser asumido por un só proxecto.
- Incremento de custos fixos.
- Necesidade de persoal.
- Necesidade de estudar ben o proxecto: económico, mercado, situación,...
Tenda especializada:
- Competencia entre provedores.
- Cantidade de produto máis elevada.
- Risco da estacionalidade.
- Máis esixencias de calidade e diferenciación.