
Tania Fafián
“Pensei que quería comer o mel que comín toda a miña vida, mel de verdade do natural 100%”
É apicultora en Santa María de Alemparte (Lalín), onde ten 240 colmeas. O seu proxecto chámase Mel Os Catro Ventos. En 2024 foi recoñecida como unha das 100 mozas talentos na listaxe bienal elaborada por Basque Culinary Center.
- Tania, as túas colmeas están localizadas en Santa María de Alemparte (Lalín). Cantas tes?
Si, alí están. Teño 240 colmeas.
- E que tal o traballo sendo ti soa?
Ás veces forzado, a verdade. É a única limitación que lle encontro.
Tiven que adaptar algún equipamento, como unha carretilla, para que sexa doado transportar as colmeas dun lado a outro, e iso facilítame moito o seu movemento, que é onde máis limitacións atopo. Despois o resto, todo ben!
- Xa sabemos cal é a principal limitación do traballo coas abellas…pero o máis fermoso?
O que máis valoro é poder vivir no campo, aquí téñoo todo. Antes cría que o tiña todo na cidade e non era certo.
- Antes traballabas noutro sector e vivías na cidade.
Si. Traballaba en Inditex e en El Corte Inglés.
- En que ano comezaches coa apicultura?
Hai tres anos xa, arredor de 2022.
- Neste Fouce vai entrevista con Inés Mirás, tamén apicultora, que se iniciou no mundo das abellas da man de Román Cid, do mesmo xeito ca ti. Como foi a experiencia?
A vida púxome en contacto con el e empezou a ensinarme a práctica dos exames. Foi marabilloso atoparse con Román… é a enciclopedia das abellas! Foi unha sorte tremenda.
- Fálanos de como é o teu día a día.
Agardo a que faga a temperatura idónea antes de ir ao campo. Logo depende do día, se vas facer divisións, ou un control etc, depende do traballo que se teña en mente para facer.
Se só é un control, con mirar catro cousas está, pero se vas a facer enxames, pois hai que buscar a raíña, etc. É dicir, depende moito de como teñas organizado o traballo e do que toque, porque a natureza non entende de vacacións nin de fin de semana.
- Elaboras mel cru. Que é o que o distingue do que podemos atopar en calquera establecemento?
Sempre fago moito fincapé niso porque creo que é o que me distingue de moitas apicultoras e apicultores. Tan pronto se extrae o mel non lle fago ningún proceso para reverter a cristalización natural. É dicir, se vai cristalizar porque a floración o esixe, deixo que faga o que teña que facer. Non hai ningún tipo de proceso de calor. É un mel vivo con todas as propiedades, con todas as encimas e probióticos, en estado óptimo. E aí está a diferenza. Hai que respectar a natureza se queres realmente comer un produto natural.
- Cando tomaches a decisión de dedicarte á apicultura xa tiñas claro que ías a facer o mel cru?
Levo comendo mel dende pequena e non concibo que a textura sexa outra. O mel que está quentado para min ten unha textura pouco agradábel. Non me gusta nada! Entón pensei que quería comer o mel que comín toda a miña vida, mel de verdade do natural 100%. E conseguino! Ao final é unha filosofía: eu quero comer ese mel pero tamén quero o mellor para o meu público. Ás veces a xente dime que o meu mel é diferente, e penso non! Custa explicar que é ao revés, que o diferente non é o meu. Quen o quenta está seguindo unha moda, non está seguindo a saúde.
- O teu proxecto chámase Mel Os Catro Ventos, de onde xorde o nome?
Foi a primeira colmea que puxen aquí ao ladiño da casa, non busquei fincas en principio, tiña catro ocos para poñelas. O meu avó comprou esa finca, que é así como nun curuto, e pareceulle que alí quedaban os catro ventos. Dixo, aquí dan os catro ventos!, e pensei, voulle chamar así en honra a el, que xa non está comigo.
- Como podemos facernos co teu mel?
Polo momento vai todo por teléfono e por redes sociais (meloscatroventos) porque ando creando unha páxina web. Nas RRSS poden atopar o meu teléfono e a xente ponse así en contacto comigo.
- E nalgunha tenda?
Aquí en Lalín si que hai algunha tenda que ten o mel, pero a produción adoito vendela eu á clientela directamente, ben en feiras ou na Praza de Abastos de Santiago, que tamén vou alí os sábados.
- Polo que vin nalgunha entrevista o teu mel sempre se acaba esgotando!
Si! É unha sorte polo momento. Estou moi contenta con iso. En Nadal xa o rematei. En verdade é unha fortuna ter máis demanda que produción.
- Hai algunha outra feira na que esteas?
En Lugo adoito ir a Parga e a Sarria. Son feiras nas que nunca contei con ir, porque realmente non me quedan tampouco a man, pero empecei a asistir porque eran sitios onde me deixaron estar e quedei contentísima. A verdade é que cando volva a ter produción alá estarei de novo.
- E cando contas con que volva a retomarse a produción?
Agora estou coa de eucalipto da costa, que é unha produción que sae en xuño aproximadamente. E despois xa de montaña sobre agosto-setembro máis ou menos.
- O ano pasado fuches recoñecida como unha das 100 mozas talentos da Gastronomía, na listaxe bienal elaborada por Basque Culinary Center. Que supuxo para ti?
Nunca pensei tanto…porque ao final tes un pouco o síndrome de impostora, sabes? Cando me chamaron pensei incluso que era unha broma. É era certo! Foi marabilloso. Os premios danche visibilidade, a xente cre no proxecto doutro xeito. Axuda logo á hora de vender o feito de estar respaldada polo premio dunha entidade tan valorada.
”Hai que respectar a natureza se queres realmente comer un produto natural”
ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 353 – MAIO – XUÑO – 2025 SINDICATO LABREGO GALEGO