
O alcouve da moura
“O ecolóxico é a única maneira de facer unha agricultura sostida no tempo”
Entrevistamos a Simón, que posúe un ciclo en agricultura ecolóxica
· Cando nace O Alcouve da Moura e por que decidistes apostar por unha cooperativa de produtos ecolóxicos?
O Alcouve da Moura nace en 2019 coa idea de poñer en valor distintos recursos que temos ao noso arredor que, por distintas razóns, quedaron case abandonados, como poden ser os centos de hectáreas que temos no Rosal que están improdutivas, ou zonas de froiteiras, ou castiñeiros.
Incluso tamén tratamos a recollida de algas no mar, que se relaciona moito á xente maior para abonar os campos pero tamén se usa para procesado de cosméticos. Entón recollémola para vender á industria cosmética. Decidimos apostar polo ecolóxico porque cremos firmemente que é a única maneira de facer unha agricultura sostida no tempo (sostida no tempo significa sostíbel). De feito, toda a agricultura que se leva facendo no Rosal dende os anos 70-80, cando chegaron os químicos, fracasou toda porque o único que fixeron foi abarrotar a terra de químicos. E esa terra, antes ou despois, deixou de dar froitos e o único que daba era problemas.
Iso, sumado a unha baixa de presións polo globalización, fixo que o 90% dos produtores deixaran de traballar no campo. Apostamos pola forma de cooperativa por convicción, porque cremos que a mellor maneira de traballar e a máis eficiente é colaborando e non mandando.
· De onde xorde o nome do proxecto?
Un alcouve é un sementeiro de algo, onde botas sementes para que xerminen.
A Moura é o ser mitolóxico por excelencia da mitoloxía galega.
· Desenvolvedes a vosa actividade agraria nos concellos do Rosal e de A Guarda. O terreo é voso?
Ao principio comezamos na Guarda pero o 90% está no Rosal. Fomos pedindo aos veciños o terreo, incluso algúns veciños viñan a falar con nós para que os traballásemos, porque a maioría están en baldío e levan moitísimos anos sen coidar e son un gasto hoxe en día para o propietario. Están en réxime de arrendamento pero gratuíto, na maioría.
· Que produtos cultivades? E como os distribuídes?
Cultivamos de todo, sobre todo horta, invernadoiro, horta ao aire libre e tamén cultivos en extensivo como pode ser a cabaza, a pataca, estamos a facer boniato e algo de millo. Tamén cultivamos cogomelos. Doutra banda, facemos plantacións froiteiras en varias fincas no Rosal: maceiras, pereiras, abeleiras, etc., e algo variado. Tamén cítricos e mandarineiras. Coa industria traballamos en dous ámbitos: a nabiza, para a conserveira local A Rosaleira; e as algas, que as vendemos a unha empresa do Porriño que fai cosmética.
· Como funciona en canto á organización a vosa cooperativa O Alcove da Moura?
Temos horta en invernadoiro e horta en exterior. O que facemos é cultivar e distribuír sobre todo a tendas e particulares, e tamén a algún restaurante, fundamentalmente pola zona de Vigo e os seus arredores. Ademais, temos o noso propio transporte.
· Tedes un posto no Mercado do Rosal?
Ademais da venda polas casas e polas tendas e restaurantes, temos o posto no mercado do Rosal, de luns a sábado. Nel traballa unha rapaza que non é socia, senón asalariada, chámase Isa.
· Fálanos do que vendedes aquí.
Colaboramos con outros produtores a nivel galego. De aquí da zona comercializamos tamén o tomiño, e agora imos comezar cos produtos da Comunidade de Montes de Couso. Temos distintas produtos: meles, lácteos de Casa da Fonte, galletas de Maruxío, etc., distintas cousiñas para complementar un pouco os nosos produtos.
· Comezastes no ano 2019, en plena pandemia ou antes?
Un pouquiño antes.
· Como vivistes todo isto?
A nivel de agricultura afectou para ben, sobre todo ás tendas, xa que viamos que vendían máis nestes períodos porque a xente non podía desprazarse ás grandes superficies. Entón creo que todas estas tendiñas que aínda resisten hoxe en día nas vilas e nas cidades víronse beneficiadas. Nesa época vendeuse máis ecolóxico.
· As persoas que vos dedicades á alimetación fóstedes as grandes heroínas.
Aí dáste de conta que verdadeiramente fan falta produtores aquí. Temos que decrecer, non se pode seguir crecendo sen sentido e traendo cousas de sabe Deus cantos quilómetros e en que condicións se produciu.
· Cales son as maiores dificultades coas que vos atopastes tanto ao principio como agora que xa levades 3 anos?
O principal é económico, porque necesitas moita inversión ao principio para mercar maquinaria, para facer rendíbel o traballo, porque a día de hoxe é case imposíbel facer algo manualmente, e senón tamén en terras, en invernadoiros, en distintas cousas. Como non teñas esa capacidade económica é complicado. O segundo problema é a falta de conciencia por parte das persoas consumidoras. Esta falta de conciencia está acompañada da precariedade xeral que hai na sociedade. Non todo o mundo pode consumir todo ecolóxico, nin moitas veces de proximidade, pero eu achácoo fundamentalmente a unha falta de concienciación, porque moitas veces os prezos son un pouco por riba ou, ás veces, por baixo do prezo do supermercado.
· En canto á maquinaria, fixéstesvos con todo o material dende cero ou contabades con herdanza familiar?
Os tres viñamos de tres mundos distintos. Eu fixen un ciclo de agricultura ecolóxica, porque me gusta o tema da agroecoloxía; meu irmán Martín, chegou do mundo da educación social; e na casa de Harris si que tiñan moita viña, botaban millo, teñen tractor, etc., entón está máis familiarizado co tema do ciclo de cultivo, que é o bloque fundamental.
· Sodes moi activos nas redes (instagram, facebook). Hai fotos moi fermosas. Credes que as redes sociais axudan a dárlle visibilidade aos vosos produtos como medio de difusión?
Hoxe en día todo o mundo usa as redes sociais para todo, e senón quedas á marxe totalmente.
Nós intentamos subir case o mínimo: dúas publicacións ou tres como moito á semana, para non saturar, porque non é cuestión de estar subindo todos os días a todas horas todo o que fas ou deixas de facer.
· Chéganvos moitos encargos ou novas clientas a través delas?
Escríbenos xente e tendas preguntando se facemos distribucións polas casas. Serve de vía de contacto. Pero tampouco te creas que moito.
· A principal canle de venda segue sendo estar a pé de rúa.
Si, o boca a boca e, de feito, a xente que nos fala polas redes sociais é porque alguén lle falou antes de nós.
· Tres rapaces novos decidín apostar polo traballo coa terra, coa natureza, co próximo. O traballo coas mans que se vén facendo dende sempre e que é fundamental para sobrevivirmos.
Como vedes o futuro da sector vexetal na Galiza?
Penso que o sector está tendendo a centralizar todas as producións e todas as vendas a grandes superficies, e sobre todo hai unha precariedade xeral na sociedade que provoca que a competitividade e concorrencia de prezos cada vez sexa máis forte en todos os ámbitos. Ofrecer un tomate por exemplo a catro euros o quilo, estando no supermercado a tres, antes podíase facer perfectamente porque a xente tiña capacidade de aforro. Hoxe en día a meirande parte, non.
Dáme a sensación de que o prezo hoxe en día conta demasiado no valor dos produtos, cando en realidade o que tiña que contar é o valor social, é dicir, todo o que trae ese produto detrás, a parte do prezo: de onde vén, en que condicións se produce, etc.
· Que pensades do porvir da nosa terra e da relación das máis novas con el?
O que vemos é que a xuventude está totalmente desligada da terra. Perderon totalmente os ciclos de cultivo, o manexo da terra, todo. Hoxe en día a calquera neno que lle preguntes como se cultiva unha verza non ten nin idea. Iso é un fracaso como sociedade. Chegamos ao punto actual no que hai moita xente preparada para ter moitos traballos pero na agricultura, que é o sustento de calquera sociedade, estamos moi verdes. E para volver a conseguir toda esa cultura agrícola, para recuperala, vai custar moito, non só pola teoría, son demasiadas cousas que os nosos maiores tiñan xa moi asimiladas polos tempos, polas razas, polas témporas, por todo.
· Como vedes o futuro da cooperativa?
Vémolo positivo sobre todo no sentido de que non hai moitos máis proxectos como o noso na nosa zona. Somos os únicos da nosa zona que manexamos estas producións e cultivos, entón iso é unha oportunidade.
ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 338 – ABRIL – MAIO 2022 SINDICATO LABREGO GALEGO