© All rights reserved. GRUPOSICOM

Inés Mirás

Inés Mirás

“O que ía ser un hobbie converteuse nunha das principais actividades ás que dedico o tempo da miña vida”

É apicultora en Vilar de Santos (Ourense), onde na actualidade ten arredor de 70 colmeas. O seu proxecto, O Mel da Inés, acaba de recibir a medalla de
ouro na categoría de calidade dos prestixiosos London Honey Awards 2025

· Inés, como chegadas á apicultura? Algo tivo que ver a taberna A Arca da Noe, verdade?

Si, estaba alí un día tomando algo e apareceu Román Cid. Ese mesmo día que nos coñecemos propúxome probar a poñer un par de colmeas en Vilar de Santos, para experimentar e ver que tal se me daba o tema da apicultura. Aceptei e, ao final, o que nun inicio ía ser un hobbie a día de hoxe converteuse nunha das principais actividades ás que lle dedico o tempo da miña vida.

· En que ano?

A finais do ano 2021, se mal non lembro.

· Como foi coñecer as abellas a través de Román Cid?

Foi o meu mentor. Ía dándome directrices cada semana. Cada vez que ía revisar as colmeas transmitíalle o que vía, como estaban, como se comportaban e el dábame indicacións por teléfono.

Aí collín o vicio das abellas e comecei a ir a formacións e cursos, porque Román daquela era o presidente da Asociación Apícola Abellas Nais, que é a terceira asociación máis grande que temos no territorio galego, en canto á persoas apicultoras e a colmeas. Fun a todos os cursos de iniciación. A partir de aí formeime máis profesionalmente e de repente pasei de ter nun ano 2 colmeas, ao seguinte 6, ao seguinte 18 e hoxe teño arredor de 70 colmeas, localizadas en Vilar de Santos (provincia de Ourense).

· Citas a Asociación Apícola Abellas Nais, da que ti tamén formas parte.

Pertenzo á Xunta Directiva como vogal para tratar de devolver o que a asociación me aportou. Dedícome maiormente ao apoio loxístico para a organización de actividades.

· Os London Honey Awards 2025 veñen de outorgar a medalla de ouro, na categoría de calidade, ao Mel da Inés. Como te sintes ante a nova?

Síntome reconfortada, satisfeita e, sobre todo, moi feliz polo feito de saber que se recoñece o traballo que fas. Este premio para min significa unha reafirmación de que é posíbel facer as cousas ben e obter produtos de calidade que sexan respectuosos co medio ambiente e que traían unha morea de beneficios positivos para o territorio no que unha habita. Espero que isto acentúe a confianza das persoas que mercan o meu mel, porque por culpa dos lobbies do mel e da agroindutria un problema frecuente que nos atopamos as pequenas apicultoras e apicultores é que sempre nos están cuestionando se o noso mel vén adulterado ou se facemos trampas.

Para min isto é unha maneira máis de demostrar que non hai trampa e evidenciar que temos un potencial altísimo para facer mel de calidade no territorio galego grazas, en primeiro lugar, á auga, que é o elemento que nos caracteriza. Temos unha auga moi mineralizada e, por consecuencia, o noso mel tamén vai ser moi mineralizado e iso é o que valoran nos grandes concursos de Europa e do mundo: o potencial nutricional e a condutividade eléctrica e mineralización do mel. Xa só por estar as colmeas en territorio galego é unha garantía de que teñamos un produto de calidade.

· Como é un día a día de traballo coas abellas en Vilar de Santos?

Para min a semana ten tres días. O día un dedícoo íntegro a estar coas abellas, a ir vendo todas as posibilidades e casuísticas que se van dando, porque ao mellor hai algunhas que van moi avanzadas, outras teñen cagarría, outras teñen varroa, etc. Vou vendo que relato conta cada colmea, para iso preciso do día enteiro. Agora que imos cara ao o verán paro ao mediodía porque a calor é bastante potente e non resistes co traxe de apicultora, pero comezo moi cedo, ás 6:30 en pé para saír ás 7. Os outros dous días dedícome ao resto de cousas. Tamén son profesora de música, ando tamén estudando… non paro!

· Agora que mencionas que es mestra de música e tamén música como tal, as abellas teñen un son propio, non? Ese zunido…

É unha linguaxe específica, hai que aprender a recoñecer os distintos tipos de zunidos que teñen as abellas porque cada un conta algo diferente.

· Podes identificar algún?

A base da que partes é que cando están tranquilas teñen un zunido tranquilo, máis tirando a grave. É un son que asocias a que todo funciona perfectamente dentro da colmea. Cando hai problemas cada vez o zunido é máis agudo. Cando hai unha ameaza, cando hai velutinas arredor por exemplo, as abellas emiten un son moito máis estridente. Se vai haber tormenta, están máis nerviosas, ou se vai haber cambios no clima. Se as manexas sen fumo e as estresas moito tamén se poñen moi nerviosas e agresivas. Hai que aprender a escoitar como zoan.

· Acabas de nomear as velutinas e polo que vimos nas túas redes sociais algún segredo tes (omeldaines) para combatelas. Cóntanos!

O combate adoita ter tres puntos clave no ano. Primeiro comeza o trampeo da nai, por marzo e abril. A pretensión é capturar a maior cantidade posíbel de raíñas de velutina. Cada raíña que matas é un niño menos. A segunda etapa é cando estás tendo o propio ataquenas colmeas, que adoita ser a finais de xullo principio de agosto. É cando se empezan a deixar ver por aquí. Aí non queda outra que poñer unhas trampas nas piqueiras, que levan unha malla que permite ás abellas seguir entrando e saíndo da colmea, pero as velutinas non. Entón as velutinas acaban accedendo a este circuíto, non lles queda outra que acabar accedendo a unhas trampas de botella onde abaixo hai auga e morren afogadas.

Por último, está o trampeo de outono, é cando xa están as velutinas preparándose para hibernar. A raíña velutina pon unha última posta antes de ir hibernar, con ovos de nais. Esta é outra oportunidade para poñer as trampas de botellas no monte e capturar cantas máis raíñas mellor.

· Tiveches algún ataque?

Este ano papáronme seis enxames, a pesar de que foi un ano que, en principio, houbo poucas.

En 2024 o ataque tardou en chegar. Viu despois da esmelga. Case non houbo danos a nivel produción pero a nivel enxames sufrírono, porque en outubro xa están as abellas reparándose para hibernar. A poboación é menor e máis minguante, a colmea está máis debilitada e teñen máis oportunidade de atacar sen contraataque por parte das abellas.

· O teu proxecto chámase O Mel da Inés, dende cando está no mercado e como podemos facernos con el?

Comecei coa venda coa colleita de 2024. Maioritariamente son eu a responsábel, entón calquera persoa que queira ter unha proba que contacte comigo a través de instagram (omeldaines) ou do meu teléfono que está en internet tamén. Agora non estou renovando a disposición de mel, pero logo a idea é volver repoñer.

As tendas de distribución son: Legumia, en Santiago; en Ordes a Panadería Gende; en Vilar de Santos a Arca da Noe e o supermercado Aldo; en Xinzo a tenda do Ourizo; en Allariz A Despensa do Alarico. Só hai que agardar uns par de meses máis e xa hai nova colleita!

”Xa só por estar as colmeas en territorio galego é unha garantía de que teñamos un producto de calidade”

ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 353 – MAIO – XUÑO – 2025 SINDICATO LABREGO GALEGO

Top