© All rights reserved. GRUPOSICOM

Deseño

Á hora de deseñar un proxecto agroecolóxico, sempre se pensa no deseño agronómico deste, e pouco ou nada no aspecto económico.

Nos tempos de hoxe, calquera proxecto que se propoña tense que facer dende a perspectiva capitalista de “negocio”. Temos que producir, cun investimento inicial, uns custos fixos mensuais e custos operativos da propia produción, e temos que vender, cun beneficio para cubrir eses custos e gañar o noso “salario”.

Todo iso implica unha análise previa do proxecto dende a perspectiva económica para avaliar a viabilidade económica deste. Nese senso, teremos que ter en conta todos os pasos do noso proxecto, dende os máis básicos e elementais ata outros non tan claros.

No deseño do proxecto debemos contemplar, como mínimo:
  • Misión, visión e obxectivos do proxecto claramente definidos, realistas e factibles.
  • Reflexión/recompilación de técnicas/coñecementos necesarios para levar a cabo o proxecto. Persoas ou proxectos similares que teñan ese coñecemento/técnica/experiencia.
  • Análise do territorio onde se vai executar o proxecto. Non só da propia finca/terreo, senón tamén dos recursos/necesidades do proxecto e se a localización elixida os pode satisfacer.
  • Determinar os investimentos materiais necesarios: ferramentas, maquinaria, instalacións,...
  • Programación temporal das actividades necesarias para levar a cabo o proxecto: que tarefas son necesarias, cando hai que facelas, canto tempo e recursos persoais consumirán.
  • Avaliación do custo inicial, da necesidade de investimento inicial.
  • Avaliación inicial de ingresos estimados.
  • Estudo de viabilidade formal e deseño dun modelo de negocio.
  • Avaliación da comercialización e plan de publicidade.

O lugar

Á hora de pensar nunha produción labrega de alimentos debemos ter en conta as características e condicións do lugar onde pensamos establecernos, tanto climáticas como edafolóxicas.

A orografía galega fai que existan diferentes e variados microclimas incluso nunha mesma parroquia. O minifundio tradicional do país non é mais que a mostra deste coñecemento tradicional do territorio, transmitido de xeración en xeración e que hai tempo que se perdeu.

Neste aspecto, debemos adaptar os cultivos ao territorio no que nos atopamos, e non ao contrario. Isto fai que os proxectos con máis éxito sexan aqueles máis diversificados, xa que son capaces de aproveitar mellor os recursos propios do territorio. O exemplo está na tradicional combinación da agricultura e da gandaría xunto coas múltiples producións das casas de labranza tradicionais.

A produción de horta soe ser unha das actividades típicas de acceso á agricultura, dado o seu baixo investimento inicial e a rápida produción e entrada de ingresos. Aínda así compre escoller moi ben os cultivos e ter en conta a zona na que nos atopamos.

As veciñas

Galiza é o territorio español con mais núcleos de poboación segundo o nomenclator do INE.

Moita xente ocupando o territorio e, tradicionalmente, cooperando nos traballos do día a día.

A cooperación con outras permite compartir recursos, saberes, forzas e traballos, facéndonos máis fortes e resilientes.

Nos pequenos proxectos agroecolóxicos a cooperación faise indispensable para mercar insumos, para traballar no día a día e para comercializar as nosas producións.
Ademais, uns proxectos alimentan a outros (e todos alimentan ao rural). A produción agrícola pode alimentar á produción animal con forraxes e/ou o pastoreo de barbeiros, e a produción animal pode alimentar á produción agrícola con abonos para a terra.

Do mesmo xeito, as producións labregas poden alimentar pequenos proxectos locais de transformación de alimentos, vexetais e animais, restauración e mesmo comedores colectivos.

Por iso non falamos só de cooperación entre labregas, senón de cooperación entre todos os axentes implicados no sistema alimentario e tentar que este sexa territorializado e local. Aínda así, os proxectos colectivos sempre son máis arriscados e incertos, polo que nestes casos se fai máis necesario deseñar de xeito serio e formal os proxectos, definir de xeito claro e meridiano que é que e que aporta cada unha das participantes, á vez que se establecen sistemas de participación e toma de decisións.

Nestes proxectos hai que ter moi en conta os coidados e as expectativas persoais de cada unha, polo que é moi importante a posta en común das expectativas, preocupacións e condicións particulares de cada unha das partes para xerar ambientes de confianza mutua.

Fanse necesario nestes casos espazos periódicos de participación, cohesión e intercambio de ideas, podendo ás veces necesitar da axuda de profesionais expertas no traballo colectivo e na dinamización de grupos.

A leira

O estudo, deseño e xestión da finca é a base de todo proxecto de produción agroecolóxica, por iso se fai vital coñecer onde imos producir para poder determinar o que imos producir e canto podemos producir.

Neste sentido, non só nos debemos fixar nas características da nosa leira, senón tamén nas características da contorna onde esta se sitúa: ecolóxicas, económicas, culturais e sociais.

A leira da que dispoñamos vai definir:
  • Que e canto producir
  • Cando vai ser esa produción (épocas do ano)
É isto á súa vez vai depender de:
  • Condicións do terreo
  • Características ecolóxicas do territorio
  • Historial produtivo da parcela e do territorio
  • Bioloxía do cultivo/gando e o seu manexo (cultivos perecedoiros Vs cultivos mais resistentes, marxes de beneficio, tempos de cultivo/cría, custes loxísticos,...)
  • Hábitos e cultura de consumo, capacidade económica e prezos de referencia
Obxectivos do deseño:
  • Fomento da biodiversidade ecolóxica e económica. Procurar o equilibrio entre sinerxías e manexo.
  • Diversificación produtiva. Procurar o equilibrio entre economía e diversidade de tarefas.
  • Procurar a resiliencia do sistema e a independencia de insumos externos.
  • Ter en conta o tempo de traballo, as diferentes tarefas e as sinerxías entre os diferentes elementos do sistema non só dende a perspectiva técnica senón tamén dende a económica e de xestión do tempo e dos recursos dispoñibles.
Top