© All rights reserved. GRUPOSICOM

Conversas que transforman

Artellando unha economía de circuítos curtos: a experiencia dos obradoiros de transformación compartidos

Achegámonos a como nace e se pon en marcha un proxecto de produción ecolóxica, así como ao funcionamento dos centros de transformación agroalimentaria que permiten dar outro valor aos produtos de proximidade. Intervén Cynthia Arias, do proxecto Bieiteiras, nas Pontes. Trátase dunha iniciativa certificada polo Craega dedicada ao cultivo e á venda de froitas, verduras e hortalizas ecolóxicas. Parte desta produción transfórmase no Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla, onde elaboran diferentes produtos, como marmeladas, zumes ou ketchup, ampliando así as posibilidades de aproveitamento e comercialización do que se produce na horta. Tamén participa Xosé María García, labrego da Quinta da Vacaloura, en San Sadurniño. Fruticultor ecolóxico e avicultor artesanal que traballa na recuperación e posta en valor de razas autóctonas galegas, como a galiña de Mos, a galiña piñeira ou a ovella galega, contribuíndo á conservación do patrimonio gandeiro galego e á defensa dun modelo produtivo fondamente afastado das lóxicas intensivas.

Construíndo a soberanía alimentaria nas vilas: grupos de consumo e redes locais

Achega unha conversa arredor de dúas iniciativas que están a tecer novas maneiras de producir e distribuír alimentos ecolóxicos no territorio. Nel participa Marta García, cofundadora de Millo e Landras, unha granxa ecolóxica situada en Vilasantar que aposta pola venda directa a particulares, a domicilio e a grupos de consumo. Marta puxo en marcha o proxecto xunto a súa parella partindo de cero e sen experiencia previa no sector primario, logo de medrar nun contexto urbano. En poucos anos a granxa converteuse nun referente de produción ecolóxica e rexeneración dos solos, recoñecida mesmo cun premio europeo en sustentabilidade. Na conversa tamén participa Xosé de Cea, veciño de Melide e impulsor da Rede de Consumo O Careón, que se abastece de produtos de Millo e Landras e doutros proxectos agroecolóxicos da contorna. Xosé combina o seu labor como xornalista, escritor e poeta coa coordinación deste grupo de consumo, unha iniciativa que procura abrir camiños para acceder a alimentos sans e de proximidade, afastados da lóxica dos produtos procesados e de agricultura industrial que domina nos supermercados.

Alimentación de proximidade para Educar: cara unha compra pública agroecolóxica nos comedores escolares

Afondamos na importancia de levar os produtos da terra aos pratos das crianzas e de facer dos comedores escolares un espazo que coide da saúde, do territorio e da nosa cultura alimentaria. Na conversa participan Beatriz Ferreira, directora da Escola Infantil Municipal A Caracola, todo un referente na Coruña pola súa aposta decidida pola alimentación de proximidade e ecolóxica, cunha mirada sempre posta no benestar das nenas e nenos; e María Xosé Castro, labrega agroecolóxica de Allariz, que xunto coa súa parella impulsa o proxecto Mimá, dende o que fan venda directa e fornecen produtos aos colexios de Xunqueira de Ambía e Allariz, lugares onde tamén medran e aprenden as súas propias crianzas. Unha conversa que pon en valor o vínculo entre o agro, a escola e a comunidade.

Tecendo redes fronte ao modelo industrial: Sinerxias entre produtoras agroecolóxicas e hostaleiras

Recóllese unha conversa entre dúas persoas vencelladas á produción e distribución de alimentos ecolóxicos na comarca de Compostela. Nela participan Conchi Docampo, labrega agroecolóxica asentada no concello de Vedra e parte do proxecto Entrelampo, unha iniciativa que produce alimentos ecolóxicos ao tempo que dá traballo a persoas con problemas de saúde mental. Tamén fala Xosé Manuel Durán, apicultor e responsable da Tenda da Saúde, un coñecido establecemento de produtos ecolóxicos en Compostela, ademais de impulsor da rede de produtoras e hostaleiras «Non é o mesmo». Ao longo da conversa, ambos comparten reflexións sobre a importancia do asociacionismo entre produtoras, comercio local e hostalaría para facer fronte ao modelo agroalimentario industrial e abrir camiño a outras maneiras de producir e consumir máis xustas, sostibles e ligadas ao territorio.
Top