
Bieteiras
"Resistencia e rebeldía por producir alimentos" , “o que facemos é cultivar coidando a terra e coidando a saúde das persoas”
Cynthia Arias Ramil é veciña das Pontes, e xunto ao seu compañeiro. Iván Ledo Filgueiras sustentan un proxecto sustentábel e comprometido coa contorna
· Cynthia, antes de nada, cóntamos como e cando nace Bieiteiras.
Nace no ano 2017. Eu estudaba enxeñaría civil, pero deixeina porque non me gustaba. Logo non sabía moi ben que facer e miña nai, que é moi sabia, díxome un día plantando amorodos: «por que non estudas algún ciclo de agricultura ecolóxica que a ti sempre che gustou isto?”. Entón fun a Ponteareas a estudar o ciclo de produción agroecolóxica. Despois fixen as prácticas en Irlanda e alí descubrín que iso é o que quería facer. Os meus pais tiñan unhas poucas terras e decidín comezar.
· Que tal as prácticas en Irlanda? Gustáronche?
Si. Eles dedicábanse á horta e vendían directamente. Collían as persoas para ensinarlles e que aprenderan todo o que eles sabían. Para min foi a mellor experiencia de todas.
· Canto tempo duraron?
Dous meses e medio.
· E logo regresaches coa idea de montar o teu propio proxecto.
Si, comecei eu (o meu compañeiro Iván daquela traballaba noutra cousa). Solicitei a incorporación, concedéronma e xa montei un invernadoiro de 1000 metros e empecei a vender no mercado das Pontes.
· O proxecto nace co nome de Aleira pero logo no 2021 cambia a Bieiteiras.
Tivemos que cambiar porque á hora de rexistrar o nome dixéronnos que non podiamos manter ese porque había unha multinacional (que non o usa) cun nome moi parecido rexistrado. Entón cambiamos a Bieiteiras.
· E por que Bieiteiras?
Iamos paseando o meu compañeiro Iván e mais eu mirando a natureza e foi algo que xurdiu. De repente el dixo «ah, Bieiteiro»! E eu dixen: «mellor en femenino, Bieiteira», e logo, mellor en femenino plural: «Bieiteiras». E despois busquei se había algunha empresa que se chamara así e non atopei nada. Ademais, descubrín uns escritos de hai 300 anos máis ou menos nos que se dicía que Bieiteira era unha das formas que se utilizaban para chamarlle as meigas e as curandeiras, pois utilizaban o Bieiteiro para curar a xente. Entón pensamos que ese é un nome que encaixa moi ben con nós porque o que facemos é cultivar coidando a terra e coidando a saúde das persoas.
· En que zona estades?
En O Aparral, nas Pontes.
“O que facemos é cultivar coidando a terra e coidando a saúde das persoas”
· Entón agora mesmo sodes dúas persoas no proxecto, ti e mais o teu compañeiro Iván, non?
Si, o meu compañeiro traballaba na central de Ciclo Combinado que hai aquí nas Pontes. El é enxeñeiro industrial. Puido marcharse fóra e cobrar ben, pero como eu xa tiña este proxecto e el en realidade tamén quixo dende sempre dedicarse a isto, animouse e agora somos as dúas, porque a verdade é que estar unha soa nun proxecto é duro.
· Producides de maneira ecolóxica, que tipo de produción tendes?
Temos o máis variado que podemos: tomates, berenxenas, leitugas, xudías, fabas, cabazas, cabaciña, chícharos, etc. Queremos ofrecer variedades xa que ir ao mercado só con dúas cousas non tería sentido. Tal e como producimos o monocultivo non sería o máis axeitado.
· E por que apostaches polo ecolóxico?
Cando comezas a ler e estudar e ver os sistemas de produción actual que hai sentes que tes que tirar polo lado ecolóxico.
Tentamos coidar a terra e aportarlle o que xa lle quitamos. Nós temos horta, pero tamén temos ovellas e galiñas, que non é o principal, pero tentamos complementar e tentar comprar os menos insumos posíbeis e así utilizar o esterco dos nosos propios animais.
· Para a venda só tendes horta, non?
Si, temos ovos tamén, un pouco como excedente. Imos ir aumentando, pero iso depende da capacidade que teñamos de chegar a ese límite. A visión de futuro si que é a de aumentar.
· Como é o voso día a día no traballo?
Comercializamos dous días, os martes repartimos a domicilio nas Pontes; e os sábados imos ao mercado das Pontes. Entón no día anterior apañamos. Temos unha páxina web que é moi sinxela, máis doada que encargar por WhatsApp, na que actualizamos o stock o día anterior e xa nos chegan encargos por aí tamén.
· Recibides moitos encargos pola páxina web?
Si, de feito agora no inverno que hai menos produción, case non levamos nada ao mercado, xa está todo encargado.
· Alén do reparto a domicilio e de estardes os sábado no mercado das Pontes, traballades con algún tipo de negocio?
Si, nas Pontes vendemos ao Puxigo, sobre todo na tempada de grelos, son moi famosos por iso.
De tendas imos a dúas en Ferrol, a Ecotenda e ao Mercado da Terra; e de Vilalba a Cuarto e Metade.
· A fin de semana do 2 e 3 de febreiro tivo lugar o Encontro de Obradoiros Compartidos, en Vilarmaior. Un encontro onde que se reuniron diversos obradoiros compartidos de xestión pública, entre eles estivo o obradoiro compartido da Fusquenlla, no que ti tamén estás a transformar.
Podes falarnos deste obradoiro compartido e do teu traballo nel?
Pois a verdade é que era algo que xa facía tempo que quería realizar de xeito individual, pero era imposíbel porque é unha inversión moi grande para unha horta tan pequena. Entón para nós foi unha oportunidade, porque nas Pontes o problema é que no verán baixa a poboación e é cando máis produción temos, e non queriamos buscar só un mercado de verán porque é difícil só ir dous meses e non ter clientela fixa. Queriamos transformar para vender á clientela que xa tiñamos nas Pontes, e para nós foi unha oportunidade grandísima. Este verán traballamos moitísimo para poder sacar produción e xa temos sete produtos diferentes.
Hai un traballo moi grande detrás de verificación, de receitas e de análise. Este ano xa comezamos a vender as primeiras conservas e para o ano contamos con poder transformar todo o excedente.
“Os martes repartimos a domicilio nas Pontes, e os sábados imos ao mercado das Pontes”
· Este tipo de iniciativas de obradoiros compartidos son espazos colectivos de transformación agroalimentaria. Cal cres que é a súa importancia para a sociedade e a súa repercusión para o noso futuro?
Para min é como un soño feito realidade. O feito de comezar, traballar co resto de compañeiras e compañeiros, xa que non só nos axudamos na receita, senón que nos damos trucos para cultivar, estamos compartindo sementes, vendo cales son mellores para transformar, e tamén o feito de que sexa unha iniciativa pública. Esperemos que sexamos exemplo para outros concellos e que isto se faga en máis sitios porque a verdade é que para as producións pequenas como nós, de venda directa, é unha axuda moi grande.
· Sodes persoas novas Iván e mais ti, persoas novas comprometidas no medio rural.
Este anaco de texto que puxestes das redes, cando anunciastes que mudabades de nome, xa o di todo: «Non é un simple proxecto para lograr uns ingresos e ter unha vida digna é moito máis, é unha forma de vida. Poder ofrecer á xente da nosa vila alimentos de calidade, ecolóxicos e de cercanía é un soño feito realidade. Pero tamén é duro, ás veces considerámonos como resistencia cando deberíamos ser máis, moitos máis os que víramos na terra o sustento dunha sociedade sa». Afondas algo máis nesta idea?
É tan necesaria a produción de alimentos! Estamos dándolle pouca importancia porque se acabou facendo todo de forma industrial, e non lle estamos dando a importancia que deberiamos á produción de alimentos.
E logo tamén é unha vantaxe o feito de poder facelo de forma familiar, axudándose ou para conciliar. Nós vivimos xusto onde temos a horta e iso axuda moito. Alén diso, nós non nos criamos para ser labregas.
Somos unha xeración á que nos dixeron que debiamos escapar de aí e que nin se propoñía que puideramos dedicarnos a isto, como si que se nos dicía para estudar dereito, unha enxeñaría, ou o que sexa. Nin na educación nin o profesorado nos din que existe esa posibilidade. Ninguén pode ser labrega agora, é como que non é unha opción, por iso tamén o de resistencia e rebeldía por producir alimentos.
· A día de hoxe, logo de tomares a decisión de deixar os estudos para centrarte no teu proxecto, polo que vexo non te arrepintes en absoluto, verdade?
Non, para nada! E iso que tamén hai días duros. Ás veces tamén ando con estrés porque estou con mil cousiñas diferentes. Ao final temos que saber tamén de marketing, soldar… un pouco de todo! Pénsase que estamos aquí escoitando os paxariños e tampouco é así.
· E agora que falas do marketing, vós sodes moi activas nas redes. Tedes Instagram, Facebook, páxina web, etc. Algunha rede máis? Sen dúbida é unha forma de estar visíbel e adaptarse ao novos tempos. Tedes fotos fermosísimas!
Non tanto como nos gustaría! Eu non son unha persoa moi organizada, pero teño moitísimas ideas, e iso ás veces é o que me produce estrés. Pero tentamos estar o máximo posible. Agora queremos lanzar tamén TikTok para ver se damos chegado á xente máis nova, porque ao final a maioría da clientela son dunha idade a partir de 40, entre 50 e 60, e moitas veces a xente nova é a que está máis concienciada coas formas de producir pero non estamos chegando a esa xeración como clientela. Temos que ir innovando.
· Nótase que o coidas porque tedes as redes moi xeitosas.
Teño unha amiga que é deseñadora gráfica e sempre lle consulto a ela. Gústame ter todo ben coidado, como a páxina web, porque iso tamén é unha maneira de visibilizarnos e chegar a novos públicos.
· E polas redes tamén vos contactan persoas para realizar produtos ou só pola páxina web?
Pola páxina web. Eu recomendo a outras persoas labregas facer unha páxina web porque é moi sinxela, que non pide nin correo electrónico, fixémola xa pensada para a xente de idade queigual non está acostumada a comprar por internet. É só como unha páxina de encargos que axuda moito, porque senón tiñamos que estar todo o día pendente do móbil e eu sempre lles digo que non pasa nada, que non teñan medo, que a única persoa que está do outro lado son eu e que se teñen dúbidas poden chamarme ou escribirme ao WhatsApp. Entón é moi doado. Ademais coñecemos á maioría da xente que nos encarga.
”Non nos criamos para ser labregas, somos unha xeración á que lle dixeron que debía escapar de aí”
”Queremos lanzar TikTok para ver se damos chegado a xente máis nova, moitas veces é a que está máis concienciada coas formas de producir”
ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 353 – MAIO – XUÑO – 2025 SINDICATO LABREGO GALEGO