
O agro galego
A produción de alimentos, tanto na agricultura como na gandaría, enfróntase hoxe a un escenario de paradoxos e incertezas. O agro galego ofrece, neste contexto, condicións propicias para quen queira botar a andar un proxecto agroecolóxico. Galiza é unha das principais terras gandeiras da península, especialmente no sector do leite, e conta cun clima atlántico húmido, de chuvias abundantes e temperaturas mornas, axeitado para a produción de pastos naturais sen dependencia de grandes insumos externos. Estas condicións permiten desenvolver sistemas produtivos máis sostibles, baseados no pastoreo, na fertilidade natural do solo e na biodiversidade.
A estrutura de pequenas e medianas granxas familiares favorece modelos diversificados, vencellados á venda directa, ás prazas e mercados locais e ás cadeas curtas de comercialización. A horticultura ecolóxica, a gandaría extensiva e os proxectos de transformación artesanal atopan cada vez maior acollida nunha sociedade que procura alimentos sans, de proximidade e respectuosos coa contorna.
A produción ecolóxica está a medrar de forma constante, maila que aínda representa unha pequena parte do total da actividade agraria do noso territorio. Actualmente, entre o 5 % e o 6 % da superficie agraria útil galega dedícase á agricultura ecolóxica, o que nos sitúa por debaixo da media estatal, con maior implantación deste modelo produtivo. Este desenvolvemento reflicte un interese crecente por parte das granxas por métodos máis respectuosos co medio ambiente, a biodiversidade e o benestar animal, así como pola demanda social de alimentos sostibles.
Nun tempo no que a produción de alimentos é esencial mais pouco recoñecida, o agro galego preséntase como unha oportunidade real para recuperar o vencello coa terra e coas comunidades. Galiza dispón de terra, saberes e demanda: un chan fértil para sementar proxectos agroecolóxicos con futuro.
Traballar no agro galego é unha profesión cunhas características que a fan única
Minifundio e fragmentación
Unha estrutura moi baseada na pequena explotación familiar: o tamaño medio das explotacións agrarias galegas é de arredor de 8,2 hectáreas, e máis do 63% teñen menos de 5 hectáreas. Trátase, polo tanto, dun modelo minifundista e moi fragmentado, no que predominan as explotacións pequenas e a tempo parcial.
Territorio en desuso agrario
Un territorio cada vez menos agrario: só arredor do 29% da superficie de Galiza está xestionada por persoas agricultoras; o resto corresponde a monte, terras abandonadas ou outros usos, o que reflicte o abandono progresivo das terras agrícolas nas últimas décadas.
Liderado por mulleres
Unha presenza feminina máis elevada ca na media estatal: segundo o Censo Agrario de 2020, na Galiza o 48% das explotacións estaban dirixidas por mulleres, a porcentaxe máis alta do estado e moi por riba da media estatal, situada arredor do 28,6%.
Economía secundaria, pero relevante
Un sector relevante pero minoritario na economía: a agricultura e a gandería representan aproximadamente o 3,7% do PIB de Galiza, por enriba da media do estado, pero cun peso moito menor ca noutros sectores industriais e de servizos.
Envellecemento xeracional
Un sector moi envellecido: case a metade das persoas titulares de explotacións en Galiza teñen 65 anos ou máis, unha proporción superior á media estatal, o que evidencia a falta de relevo xeracional.