
María Osorio López
"Se non hai xente que produza alimentos o mundo detense"
Moza gandeira do concello de Becerreá (Lugo), na comarca dos Ancares, onde recentemente se fixo cargo da granxa familiar por xubilación de seus pais
· Como é o día a día de María Osorio, gandeira de Becerreá na súa granxa?
Comezo a xornada pola mañá, logo de vestir e meter ao neno no bus. Atendo o rabaño de vianesas que están fóra na parcela, despois limpo as cortes e as vacas que están dentro e vou planificando as tarefas pendentes relacionadas co coidado dos animais e das fincas.
· Tes algún tipo de axuda para levar a granxa adiante?
Logo da xubilación do meu pai eu pasei a ser a titular. A día de hoxe recibo axudas del, da miña mai e tamén dalgunhas veciñas e veciños. Pero, alén desas axudas, eu son a titular da granxa e, polo tanto, todo o relacionado coa planificación, a orientación do traballo e o coidado da granxa está nas miñas mans.
· Entón daquela falamos do traballo en herdanza, non si?
Son de familia labrega tanto pola parte de miña mai como de meu pai. Miña mai é filla de labregos na comarca de Sarria (ao principio tiñan vacas de leite e despois pasaron a ter vacas de carne). Meu pai herdou de seus pais a granxa. Entón, dalgún xeito, a nivel familiar sempre estiven vinculada coas vacas.
Crieime entre elas e sempre me gustaron moito os animais. Despois fun estudar fóra e pasoume o que lle acontece a moita xente: non me incentivaba moito quedar na casa. O que se prioriza a nivel familiar é que vaias estudar e que busques un traballo fóra. Pero pouco a pouco a cabeza empézache a dar voltas e ves que che gustan os animais e vaise xuntando iso que cres que é vocacional coa xubilación de teu pai e tes que decidir. Foi aí cando escollín facerme cargo da granxa.
· Na actualidade contas cun rabaño de 25 animais de rubia galega e vianesa. Sempre tiveches a mesma produción?
Cando meu pai estaba incorporado había máis animais na granxa. Pero como el se ía xubilar foi reducindo os animais e agora eu teño a intención de ir aumentando aos poucos as vacas coas axudas de incorporación. Antes os animais estaban nun réxime de semiestabulación, é dicir, pacían fóra e viñan durmir á corte. Eu incorporei un rabaño de 11 vianesas, que agora mesmo están sempre fóra, coa idea de extensificar a produción e ver como me ía encontrando con elas. Neste momento, ademais desas vianesas fóra, dentro da casa hai 13 vacas e tamén conto con recría (teño 6 vacas para recriar de raza da casa, que son maioritariamente rubias, e tamén algún cruce de limusina e angus).
· Ti es unha rapaza nova, María, hai moitas persoas da túa idade que se dedican ao sector?
Non hai. O prototipo medio de persoa titular de granxa é un home de máis de 55 anos. Para a xente nova está moi complicado.
No meu caso teño a sorte de que estaba meu pai antes, pero se teño que comezar de 0 coa granxa ía telo moi complicado ou case imposible. Ademais diso, tamén hai persoas que teñen problemas de acceso á terra e no que se refire ao material de traballo está todo carísimo!
Se tes que comprar maquinaria nova e comezar desde 0 eu considéroo bastante complicado. Por outra banda, as axudas da administración teñen uns requisitos bastante grandes que ás veces se converten en freo para que a xente moza poida incorporarse ao traballo gandeiro.
Eu agora estou co problema da conversión a ecolóxico porque este ano pasado quedei fóra das axudas da PAC… é dicir, hai moitos impedimentos para que a xente nova comece.
Nese senso, un dos temas máis relevantes é o despoboamento. Antes nas casas había xente, veciñas e veciños, había un entorno social que te acollía. Agora as persoas titulares das granxas están practicamente soas. E iso é algo moi custoso a nivel persoal. Tenche que gustar e ser moi vocacional senón hai moitos impedimentos para logralo.
· Conectado co tema dos impedimentos e o despoboamento, cres que en xeral hai un descoñecemento do traballo labrego (o traballo que se fai nas granxas) en canto ás máis novas?
A nosa profesión non está recoñecida socialmente. Iso tamén reverte nunha autoimaxe negativa e fai que á xente nova non lle apeteza traballar no campo. Moitas veces utilízase un eufemismo moi claro para dicir no que traballas: unha persoa labrega non che di que é labreg@ ou que ten vacas, diche que se incorporou (ri).
E a onde te incorporaches? Pois traballas con vacas e es labreg@ e non pasa nada! Aínda hoxe existe esa mentalidade na poboación de rebaixar o noso traballo e de rebaixar o noso medio rural.
· E como facemos para romper con ese estigma dunha vez por todas?
É moi complicado. Levamos moitos anos tanto as organizacións agrarias como a xente que traballa pegada ao territorio tentando reverter esa imaxe, que ademais é falsa. A profesión labrega é fundamental! Demostrouse aí atrás co tema da pandemia. Se non hai xente que produza alimentos o mundo detense. A xente vai pasar fame. E non me refiro só á produción de alimentos, senón ao sostén do territorio. Hoxe na miña comarca se pechan as granxas que hai desaparecen os pobos. O pouco que queda hoxe nas aldeas é porque hai granxas agrarias con vacas. Iso á súa vez fai funcionar a miña vila que é Becerreá.
A xente non é consciente da función social e económica que están facendo realmente as granxas e as persoas que traballamos no campo. Como se soluciona? Haberá que seguir insistindo e facer moito traballo pedagóxico ao mellor nas escolas, para que a cativada saiba o valor que temos a xente labrega e a importancia da nosa profesión.
· Mudando de tema, María, algúns compañeiros teus de profesión, como Samuel Formoso, recente vogal do SLG na IXP Carne de Vacún de Galicia, adoitan poñerlle música aos becerros. Todo o día escoitan Radio Clásica. Ti tamén fas uso da música? Ou de algo característico para os teus animais?
(Ri) Eu vou á corte moitas veces escoitando algúns podcast no spotify ou algo de música e sempre se quenda mirándome de forma estraña, pero nunca se me ocorreu poñerlles música.
De todas maneiras, teño que probar porque teño un problema agora cun boi que quere ser un pouco rebelde, entón tereille que poñer música clásica! (ri).
· Samuel Formoso será o responsábel de representar ao SLG na IXP Carne de Vacún de Galicia neste lexislatura. Ti tamén formas parte da candidatura. Que supuxo para ti todo o proceso? Era a primeira vez que ías na listaxe do SLG?
No meu caso é a primeira vez. Para min foi unha honra que o sindicato se acordase. Fixen campaña todo o que puiden pola zona para axudar a que saíse a vogalía e ao final estamos content@s co resultados porque temos aí a unha persoa moi valiosa que vai velar polos nosos intereses na IXP. Ademais hai que recordar que a maioría das granxas medias galegas é unha granxa familiar de poucas nais, de media de 25, máis ou menos, e é importante que as que estamos nesa produción teñamos voz na indicación xeográfica para que os intereses da pequena produción sexan escoitados.
· En relación ao «ter voz», tamén comentabas ti no Fouce especial 341 que os Consellos Reguladores son importantes en tanto que son os intermediarios entre as persoas produtoras e a sociedade, poñendo en valor o noso produto, velando polos intereses comerciais das labregas acollidas ás normas de produción. Fálanos desta cuestión.
Debería ser así, pero ao final acaban sendo os intermediarios entre a grande produción e os cebadeiros e a sociedade, falseando o traballo que fai a labrega e o labrego cos seus animais, que é un traballo bastante sacrificado, diario, sen descanso, e con moito amor, porque iso hai que destacalo. A xente labrega ten moito amor polos seus animais e pola súa produción. E eles [a agroindustria] o que fan é introducir falsamente carne que moitas veces non é suprema, ou que nin sequera está criada na Galiza, prexudicando non só á marca, senón tamén aos nosos intereses. Iso é algo que estou segura que o noso vogal, Samuel Formoso, vai traballar para que deixe de suceder e facer presión ao máximo.
«A xente labrega ten moito amor polos seus animais e pola súa produción»
· Xusto falamos esta cuestión con Samuel, comentando o caso das campañas publicitarias nas que usan imaxes dos xatos criados coas nais até os 7 meses para vender unha carne que non é imaxe da TGS suprema. E o noso vogal na IXP comentaba que se tan bo é o deles e tanto gaña a industria con iso, que utilicen a súa imaxe para promover iso.
Pero iso non o fan! sempre aparece un xato mamando (ri).
· A ver se conseguimos polo menos ser honestas coas persoas consumidoras para que saiban o que están mercando!
Cómpre incidir niso e incidir no valor do noso traballo, xa que aínda estamos traballando a perdas. Non hai que esquecelo, xa que temos un prezo por debaixo dos custos de produción.
Cando falamos da autoimaxe e de como podemos mudar a imaxe que ten a sociedade de nós, a cuestión dos prezos é un tema a ter en conta. Se o noso traballo fose remunerado e valorado, seguramente habería moita máis xente que querería ser gandeira. Temos que comezar por aí! A xente ten que traballar cunha garantía e un horizonte de futuro claro, senón é difícil que as persoas novas se incorporen. Con todo, aínda así, despois de décadas a xente continua loitando pola súa produción.
· En relación a iso, de que seguimos aquí pese a todo, e de que ti te incorporaches ao traballo por herdanza, gustaríache que o teu neno tamén fose gandeiro e traballase contigo? Ou que el nun futuro quedase no teu lugar?
Voulle inculcar o amor polos animais e o amor polo traballo e el logo terá que decidir, pero claro que si, se lle gusta eu sempre o animarei. Penso que é importante que as xeracións entre si se apoien, e iso moitas veces non sucede. Para a persoa que se incorpora é complicado xestionar situacións familiares onde non hai un apoio, un recoñecemento e un impulso. Isto sucede moitas veces maioritariamente no caso de que a que se incorpore sexa unha muller.
ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 342 – FEBREIRO – MARZO – 2023 SINDICATO LABREGO GALEGO