© All rights reserved. GRUPOSICOM

Belén Fervenza

Belén Fervenza

“A miña horta é un lugar que desfruto, no que sento, contemplo e son feliz”

Produtora en ecolóxico na Horta do Cadaval (Reboreda, Redondela), xunto ao seu compañeiro Jacobo Ojea, é viceresponsábel do Sector Vexetal no SLG-CCLL

· Belén, estamos aquí en Reboreda (Redondela), no barrio do Cadaval, na Horta do Cadaval. Neste proxecto que xorde xa hai tempo, aló polo 2005, non? Hai case 20 anos xa. Podemos lembrar como naceu e por que?

Eu crieime neste barrio, entre vacas, con xente que cultivaba, botando millo coa miña avoa e o meu avó. Logo estudei bioloxía porque sempre me gustou a natureza.

Recordo escapar ao monte para ver aves, alí era feliz. Despois especialiceime en ecoloxía. Ao rematar a carreira preparei as oposicións, pero a min non me gustaba dar clase nun sitio pechado. Traballei como educadora ambiental e logo entrei en contacto con Amigas da Terra e coa área de alimentación. A primeira vez que escoitei falar do Sindicato Labrego Galego foi en Cataluña.

· Entón a primeira vez que escoitaches falar do Sindicato Labrego Galego foi en Cataluña?

Si, dixéronme: “ahí tenéis una mujer muy potente”. Esa foi a primeira frase que lembro escoitar sobre Lidia Senra. O meu compañeiro Jacobo e mais eu, con Amigas da Terra, organizamos as primeiras xornadas de Agricultura Ecolóxica en As Corcerizas.

E alí chegaron Lidia Senra, Pura Seoane, Carme Freire, Pilar e Eloi, etc., e recordo facer o cambio de non botar minerais á terra. Comezamos facendo bancais co libro de Mariano Bueno e fomos aos poucos empezando a cambiar na cabeza e no corazón. O meu compañeiro nunca antes traballara a terra. Empezamos con moita ilusión facendo bancais e vendendo no Mercado en Redondela coas señoras maiores e logo tamén entramos en contacto con grupos de consumo en Cangas e en Moaña.

· Os terreos que traballades de que eran?

Os terreo eran da miña nai e da miña avoa. Antes de nacer a nosa filla Maia, hai xa 12 anos, cultivabamos ademais outras fincas. Cando comezamos aínda estaba a miña avoa e sempre nos rifaba. “Estades tolos”, dicía, por deixarmos a nosa profesión de profes e dedicarnos a isto.

Sempre dicía “se fose un só vale, pero as dúas!”, pensaba que era demasiado. Pero no fondo estaba orgullosa. Ela cultivara toda a vida, traballaba limpando casas e tamén na horta, na casa sempre tiveron animais, vendía leite e tiñan unha horta pero era para o consumo dos animais.

· Como é o voso día a día?

Cando comezamos hai case 20 anos non había moitas produtoras e produtores aquí en Redondela.

A día de hoxe, que se adiquen a isto 100%, só estamos nós e pouco máis. O meu compañeiro Jacobo imparte moitos curso de horta e aumentamos aí a experiencia, pero non podemos vivir exclusivamente da horta, de momento eu non estou ao 100% porque estou coa crianza da nena e do neno. Un día noso: erguerse, levar a nena a cole, vir para a horta, quedamos co pequeno, logo traballamos, podemos estar sementando ou limpando, facemos o que se pode. Pola mañá estamos mínimo dúas ou tres horas, en inverno algo menos porque chove e ao final estás dentro do invernadoiro xa que fóra non podemos facer moito. Logo imos buscar a nena ao cole, facemos a comida e á tarde tamén volvemos un pouco para a horta, en verán máis. Ás veces traballamos Jacobo e eu xuntas e outra veces el está nun sitio e eu noutro. Algunhas veces ten cursos e talleres polas mañás, como os proxectos de hortas escolares nos que participamos con Amigas da Terra. Tivemos que reducir moito. Houbo un ano no que non plantamos absolutamente nada. Estabamos esgotadas. Vermos o traballo que tiñamos e como fomos reducindo, foi un proceso lento, e agora con crianzas é diferente.

Foi despois da pandemia cando comezamos de novo, foi un volver a empezar. A verdade é que agora estamos mellor, porque agora desfrutamos do que facemos. E tamén imos facer a nosa planta, que era algo moi importante para nós, recoller a nosa semente. A nós gústanos o concepto de horta-xardín, o concepto de que a miña horta é un lugar que desfruto, no que sento, contemplo e son feliz. Gústame pechar os ciclos, é diferente se fas ti a planta que se a mercas, ves como vai medrando. Agora queremos volver a plantar froiteiras nunhas fincas que temos algo máis arriba, gústanos combinar.

Traballamos froita, horta e flor, gústame facer un pouco de todo, non me sinto produtora dun só cultivo.

· Fálanos da experiencia na creación de hortas escolares.

Antes de nacer Maia estiven nun proxecto de comedores escolares con Amigas da Terra. A min gústanme moito os nenos.

O primeiro cole co que comezamos, co que se iniciou este proxecto de prazas escolares, foi unha escola infantil, a Tegriña, en Vigo, e foi un gusto porque é unha escola pequena e teñen un espazo que é un luxo aí en Vigo, pero xa está en Ourense, en Lugo e A Coruña creo que comeza este ano. Eu fixen unha guía de como crear unha pequena horta con Amigas da Terra e cuns amigos e agora vaise avanzando. É un proxecto que a min me gusta moito porque vemos que hai cultura de cultivar, que as familias teñen voz. Os nenos cando tocan a terra teñen moito que facer con ela.

· E tamén impartides cursos de distinta índole: os últimos foron de coroas de nadal e viveiro de hortícolas aromáticas e flores.

Si, esa é a miña parte. Jacobo leva máis a parte de cursos de horta, eu estou buscando de novo o meu lugar, que podo aportar, e estou comezando a dar cursos de coroas, por exemplo, a min gústanme moito os insectos, a fauna útil, entón saber que flores son, ese vínculo que atrae insectos que afecta á túa horta, entón eu fago os talles e falo moito dos ciclos, a importancia de vincularnos. A min encántame ver como o meu fillo recoñece o xantén, por exemplo, que saiban de cara ao futuro que non poden perder o vínculo coa terra, que xoguen coas mans sucias.

· Como é a venda e comercialización actual?

Vendemos sobre todo no mercado. Antes faciamos cestas e vendiamos a grupos de consumo, pero era esgotador para nós. Cando reducimos priorizamos a venda no mercado (no 4Ponlas en Pontevedra), e estamos moi contentas. Tamén facemos pan. Durante a pandemia foi algo que nos mantivo seguras porque se vende moi ben, á xente gústalle e está contenta.

Entón agora gustaríanos facer aquí na finca na parte de arriba unha construción para poder impartir nela os nosos cursos e utilizala como lugar de traballo, porque agora a cociña xa nos queda pequena. Necesitamos un forno máis grande para facer pan. A nós gústanos probar diferentes cousas, na horta non somos especialistas dun só cultivo, sempre o mesmo é moi monótono para nós.

· Que significa para ti este lugar, Belén?

Eu crieime neste barrio, para min os veciños e a horta do Cadaval é un selo, por iso o nome do proxecto, somos como unha familia máis grande. Pero a maioría das rapazas e rapaces da miña idade non traballan a terra, e eu sentía que todo isto ía desaparecer, sabes? Entón a cultura e o mundo que eu vivía pensei en como amosalo. Vía ás mulleres do mercado que facían iso con orgullo, pero que non era algo que querían deixar aos seus fillos. É importante que a xente coñeza de onde xorde a alimentación, que hai persoas que traballan a terra para dar alimento a outras.

Eu teño a formación en educación ambiental e para min era importante facer ver que a nosa vida ten repercusión no contorno. Creamos a Rede de Sementes en casa de Edgar e Su ceando un día. Fomos a Zaragoza, coñecemos a Rede Estatal de Sementes, conectamos con eles, viñemos á casa e comezamos co primeiro Encontro de Sementes en Redondela e foi un éxito. Foi incríbel. De repente chegamos alí e vimos tanta xente…foi incríbel! A pregunta é, que é o importante? Construír socialmente ou construír un proxecto real que poida aportar á sociedade? Construír teoricamente fan moitos. Pero a realidade é outra. O noso é un labor diario de estar cambiando o solo que pisamos.

· Ademais tedes dúas crianzas. Gustaríavos que elas tamén fosen labregas?

Sería un orgullo! Pero elas decidirán que facer. A min tampouco me obrigaron nunca a nada e creo que estou aquí porque os meus pais nunca nos dixeron que estudar nin nos obrigaron a nada, eu ía a axudarlle á horta de maneira voluntaria, cando era a época de recoller as patacas ou o millo, ía encantada! Non sei o que serán Maia e Gael, pero a min encantaríame que buscasen algo vinculado coa terra, non digo que teñan que facer horta, pero si que me gustaría que fósemos unha equipa. É importante que valoren esa cultura xa dende pequenos.

O que lle deixamos é unha terra ben traballada, este solo ben traballado é unha máquina de producir alimentos, así xa estamos dando amor e vida.

ENTREVISTA PUBLICADA NO FOUCE Nº 347 – ABRIL – MAIO – 2022 SINDICATO LABREGO GALEGO

Top